Friday 03 de May de 2024

Alternativa reclama maior defensa dos concellos por parte da FEGAMP e da FEMP


As Federacións de Municipios, tanto a galega como a española, deberían ter un carácter máis reivindicativo e municipalista, e estar máis pendentes dos Concellos que dos partidos aos que pertencen os seus dirixentes. Un exemplo é a educación pública, unha competencia que a Xunta debería asumir integramente pero na que realmente se lle obriga aos municipios a dedicar esforzos e recursos a manter instalacións, ante o que a FEGAMP non se move.

As Federacións de Municipios deberían velar pola defensa das administracións locais, para que non se lles carguen aos concellos competencias e gastos que a lei outorga á Xunta ou ao Estado. De traballar realmente nesta liña, tanto a FEGAMP como a FEMP deixarían de ser organismos inútiles, afastados da cidadanía e enredados nunha vida burocrática e vexetativa.

“As federacións serven simplemente para cobrar dietas e facer de parachoques dos Gobernos de turno. Os dirixentes destes organismos solen ter prebendas pola obediencia debida aos que están arriba, sempre acaban recibindo algún diñeiro do Estado ou da Xunta para compensalos por estar caladiños”, dixo o alcalde de Oleiros Ángel García Seoane.

Proximamente celebraranse as asembleas de constitución destas entidades, nas que se renovarán os cargos de dirección. “Os prebostes dos principais partidos políticos amañarán, como fixeron noutras ocasións, as novas direccións das dúas federacións, que están vacías de contido e ocupadas por parasitos da política”, comentou García Seoane.